Friday 17 de May de 2024

Os 100 nenos/as dos Campamentos de Verán de Lousame desfrutan dunha xornada de piragüismo en Outes


Un cento de nenos e nenas dos Campamentos de Verán de Lousame, de idades entre os 6 e os 14 anos, desfrutaron dunha xornada de piragüismo en Outes. A expedición lousamiá desprazouse en dous autobuses de Autos Comparado dende o polideportivo Pilar Barreiro ata as instalacións de piragüismo do Concello de Outes. Durante tres horas os pequenos desfrutaron dun paseo nas piraguas, con mergullos incluídos.

A actividade desenvolveuse por quendas, así que mentres parte dos nenos navegaban pola ría, os demais aproveitaron para bañarrse e xogar á pelota na beira. O obxectivo desta excursión é que a mocidade adquira e desenvolva valores como o compañeirismo, a comunicación, o traballo en equipo, a responsabilidade e o respecto.

A concelleira de Xuventude e Voluntariado, Silvia Agrafojo, destacou que “a rapazada pasouno moi ben nesta saída” e aproveitou para “agradecer unha vez máis a colaboración do voluntariado xuvenil, sen cuxa participación sería imposible desenvolver este tipo de actividades”. Así, ademais dos monitores dos Campamentos, por cada grupo de 10 nenos e nenas estaban dispoñibles 3 mozos/as voluntarios/as.

Os Campamentos de Verán do Concello de Lousame finalizarán mañá venres cunha gran celebración con inchables e una festa da escuma. Dende o luns 10, os nenos e as nenas desfrutaron de actividades lúdicas, culturais e deportivas na natureza, como saídas á piscina, tiro con arco, zumba e unha excursión ao Aquapark de Cerceda.